Santa Cristina de Ribas de Sil construíuse entre finais do século XII e comezos do século XIII e representa un dos mellores exemplos do románico rural galego. O conxunto monástico pertenceu á orde benedictina e está formado polo templo románico e unha serie de dependencias dispostas nos corredores cubertos, en torno ao patio claustral.
Posúe planta de cruz latina con nave única lonxitudinal e un transepto que se cruza formando o cruceiro.
O primitivo corpo románico da nave foi substituido por unha nave lonxitudinal dividida en cinco tramos, no primeiro tercio do século XIII, xustificando o cambio hacia o estilo gótico, fundamentalmente arcos faxóns lixeiramente apuntados, que se corresponden exteriormente con contrafortes.
A cabeceira ten tres ábsidas smicirculares. Está orientada cara o leste e a entrada cara o oeste, seguindo a simboloxía cristiá entrando nas Tebras, do pecado, cara a luz, símbolo de Deus. As ábsidas albergan tres capelas, a maior decorada con pinturas de finais do século XVI.
A fachada está dividida en dous corpos; a portada, similar á parte sur da Catedral de Ourense, está formada por arquivoltas de medio punto sobre tres pares de columnas con capiteis decorados con motivos humanos e vexetais. O frontón é completamente liso, sen decoración algunha.
O corpo superior da fachada posúe un rosetón románico calado con arquiños lobulados que tamizan a luz no interior.
A alta torre adosada ao costado da igrexa, atalaia privilexiada sobre o curso do río Sil, servía como punto de vixía e de defensa ademáis de torre campanario para chamar aos fiéis á oración. Está rematada en amea e cuberta en forma pirámidal, algo pouco usual.
As dependencias do mosteiro teñen unha disposición en ángulo recto, na actualidade pervive a primitiva portada románica que da entrada ao claustro. Posúe figuras sedentes cun libro aberto e no intrados, os catro símbolos dos evanxeístas: a aguia, o anxo, o touro e o león.
- Todas as fotografías son de Fran Canoura.